21/02/2017

Adiós Ríos, Adios Fontes - Rosalía de Castro /Astarot- Versión longa e versión curta

Proposta de actividade: Para a semana de Rosalía (24 de febreiro), que pode ser a volta das vacacións do entroido (días 2 ou 3 de marzo ) imos aprender e cantar este poema ,  interpretado polo  polo grupo Astarot. O alumnado de 5º e 6º irá polos  demais cursos para acompañar cantando esta canción a todo o alumnado.  Poremos este vídeo de fondo para cantar e levar todos o mesmo ritmo (Tipo Karaoke). Os nenos xa poden ir aprendendo algo a canción, deixarémoslle o poema escrito para acompañar a canción. Aqueles que a aprendan, igual, tamén a poden cantar na Semana das Letras Galegas. O primeiro vídeo ten a letra e a música. O segundo  só lo a música. Remataremos o acto recitando dúas estrofas en yogote.  (VER VÍDEO COA ACTIVIDADE FEITA)

Letra cantada por Astarot coa supresión de algunha estrofa  do poema orixinal


Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,

prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

¡Adiós groria! ¡Adiós contento,
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por extraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡quen pudera no o deixar...!

Adiós, adiós, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.

Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.

Xa se oien lonxe, máis lonxe...
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo...
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!

¡Adiós tamén, queridiña...!
¡Adiós por sempre quizais...!
Dígoche este adiós chorando
desde a beiriña do mar.

Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás
tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña!, ¡meu lar!
Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos


Ningún comentario: