30/09/2015

17/09/2015

"O meu barco " do libro Os soños da Gaiola

Bonito poema de Manuel María. Persoeiro que será homenaxeado este curso 2015-16 no Día das Letras Galegas. Aquí tamén o temos  musicado  en youtube  por Suso Vaamonde. Debaixo hai tamén unha ligazón para ver a partitura para tocar coa frauta.


"O MEU BARCO" 

Teño un barco de xoguete
e nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños
quen me verá navegar!

Navegarei por mil ríos
sete mares hei cruzar.
No meu barco de xoguete
cansarei de viaxar!

No meu barco de xoguete,
mariñeiro e capitán...!
Non teño medo ó trebón
nin me asusta o furacán!

O meu barco de xoguete!
O meu barco moito val:
verei terras, verei illas,
verei mares de coral...!

Andei tódolos mares!

10/09/2015

A historia de Erika





Fermoso e tráxico de vez, "A historia de Erika".  Autor : Xesús R. Jares .  Cousas que di:

- Educar para a paz é un xeito particular de educación en valores (xustiza, cooperación, compromiso, solidariedade...)
 - É unha educación dende e para a acción (convidar a reflexionar sobre os nosos comportamentos e actitudes...)
 - É un proceso continuo e permanente (algo máis que deseñar un día unha lección para a paz ou celebrar o día que toca no calendario).
 - A educación para a paz como dimensión tranversal do currículum afecta a todos os seus elementos e etapas educativas. 

Concurso de relato curto - Biblioteca de Pontevedra

Este 10 de setembro comeza o prazo de presentación de relatos para o “II Concurso de Relato Curto” que organiza a Biblioteca Pública “Antonio Odriozola” 
Bases da convocatoria:

Tema:
O mundo do libro en todas as súas vertentes.

Obxectivo:
O obxectivo deste concurso é o fomento da creación literaria no ámbito da Biblioteca Pública, e servir como
canle de difusión de novos valores.

Participantes:
Poderán presentar os seus traballos as persoas maiores de 14 anos.

Criterios de valoración:
·       Orixinalidade no tratamento da temática proposta e no emprego de técnicas e figuras literarias.
·       Uso correcto da gramática e da ortografía.

Condicións de presentación das obras:

Cada participante poderá presentar un único relato. Este deberá ser orixinal e inédito, sen que fose reproducido ou difundido previamente en ningún tipo de soporte ou medio (publicacións escritas, páxinas web, redes sociais, etc.)

O idioma elexido pode ser o galego ou o castelán.

A extensión máxima admitida é de tres páxinas escritas a ordenador con fonte Arial de tamaño 11 e interliñado de 1,5.

Os traballos poderán presentarse dun dos seguintes xeitos:
·       Depositándoos no lugar habilitado no mostrador de préstamo do segundo andar da Biblioteca. O relato presentarase sen asinar e cun pseudónimo, introducirase nun sobre pechado. No exterior do mesmo o participante deberá escribir "I Concurso de Relato Breve da Biblioteca Pública de Pontevedra + o pseudónimo" e no seu interior, ademais da obra, incluirá outro sobre pechado cos seus datos persoais (nome, apelidos, teléfono, DNI e correo electrónico).

·       Enviándoos á Biblioteca por correo ordinario nun sobre sen remitente no que conste "I Concurso de Relato Breve da Biblioteca Pública de Pontevedra + o pseudónimo". Nel incluirase o relato breve e outro sobre pechado cos datos persoais (nome, apelidos, teléfono, DNI e correo electrónico).

Prazo:
Prazo de presentación vai dende o día 10 de setembro ata o 10 de outubro.

Premios:
1º premio: lote de libros.    
2º premio: lote de libros.    
3º premio: lote de libros.

Ademais os tres traballos serán difundidos na rede a través da biblioteca.

Xurado:
Presidenta: A Directora da biblioteca.
Vogais: un técnico da biblioteca e un profesional da literatura o do mundo libreiro.
Secretario: un usuari@ da biblioteca.

Resolución e entrega de premios:
A resolución do xurado farase pública o mércores 24 de outubro, día das bibliotecas. A lista cos premiados será exposta no taboleiro de anuncios da segunda planta na Biblioteca e a través da páxina web da biblioteca. Ademais, comunicaráselles ós gañadores.
Os traballos gañadores (e, no seu caso, aqueles que o xurado considere máis interesantes de entre os non premiados) poderán ser expostos na Biblioteca e en diferentes canais da Biblioteca en Internet.

Clubs de lectura na Biblioteca de Pontevedra


09/09/2015

"Canta bichería" - Lema da XVII Edición do Salón do libro


 Os animais. Domésticos, de granxa, salvaxes e mariños, reptis, paxaros, etc. Todos teñen cabida e serán os protagonistas no ano 2016 baixo o lema “Canta bichería!”.

Ver nova no Pazo de Cultura

2015- 30 Aniversario de "1000 Primaveras" de Álvaro Cunqueiro


"As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. (…) Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: “aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis'”.

Máis.

Ver foto da súa lápida

Catálogo de publicacións de Manuel María

Catálogo de publicacións de Manuel María Artigo relacionado (poesías)

08/09/2015

Lema curso 2015-16: Biblioteca escolar, base de exploracións

 "Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolares que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, enviará en breve a todos os centros públicos como reforzo das actuacións da biblioteca escolar e para apoiar a visibilidade dos seus recursos e das súas oportunidades de aprendizaxe.

O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.

Normas de clase


Descargalo dende drive

06/09/2015

"A marcha cara Sión" - trailer da película en lingua galega

Rubicundo



Que pasaría se calquera de nós fose Erea, unha nena espelida e curiosa e tivésemos un veciño algo especial que andase por lugares raros cunha bicicleta das antigas, non falase con ninguén, tivese mal carácter, levase dúas clases de sombreiros e os paraugas cos que saía rachasen moi a miúdo? Pois se queredes sabelo, lede o precioso relato, "Rubicundo", de María Canosa Blanco (Xerais. Merlín), finalista do Premio da colección do mesmo nome no 2014. Aventuras, tenrura, ritmo vivo, fantasía...todo arredor dos seres humanos. Magnífico. As ilustracións de Nuria Diaz, suxestivas, cheas de expresividade e acaídas ao texto.

05/09/2015

ComunidadE - Revista Educativa do Morrazo

Clicando na imaxe entrarás no blogue onde se poden escoller todas as revistas publicadas  pola ComunidadE Educativa do Morrazo. Unha  manchea de artigos ben variados.

Artigos relacionados, sacados destas revistas:

O son do silencio

Calendario Escolar 2015-16

04/09/2015

O son do silencio


Reflexión sacada da Revista Nª 41 "Comunidades" (feira no Morrazo)